O atleta internacional Reyes Estévez, con raíces en Lugo, apadriñará este ano o IV Medio Maratón Cidade de Lugo-O progreso, que se celebrará o próximo 10 de maio, e que nesta edición contará cun novo circuíto homologado pola Federación de Atletismo.
Reyes Estévez toma así o relevo de Abel Antón, ex campión mundial de maratón; Fermín Cacho, ex medallista olímpico de 1.500, e a lucense Alessandra Aguilar, campioa de España de maratón, atletas que apadriñaron as carreiras precedentes. Ademais, tanto Fermín Cacho como Abel Antón participarán na carreira.
Esta proba, organizada polo Progreso e o Concello de Lugo, completa a oferta de carreiras populares na cidade de Lugo, sumándose ao Corre con Nós e á Lugo Monumental.
Desde o seu lanzamento, a notable comunidade de afeccionados ao atletismo da provincia coincidiron en destacar a necesidade dunha proba deste tipo, enxalzando tamén, a través das redes sociais, a calidade do circuíto e a excelente organización da mesma.
A contorna de elementos tan emblemáticos como a muralla romana, a catedral, o casco antigo e parte do percorrido polo Camiño de Santiago, representan un aliciente engadido para esta proba, especialmente para os corredores desprazados desde outras provincias, servindo ademais para en valor o rico e numeroso patrimonio da capital da provincia de Lugo.